Friday 26 de April de 2024

O I Dépor Campus do Concello de Oroso abre xa o prazo de inscricións


O Concello de Oroso presentou a primeira edición do Dépor Campus, que se desenvolverá nas instalacións deportivas do campo municipal Lino Balado entre o 28 e o 31 de decembro. En representación do Concello, participaron no acto de presentación o alcalde, Manuel Mirás, e o concelleiro de Deportes, Luís Rey, mentres que o Deportivo da Coruña estivo representado polo seu director de Metodoloxía e Planificación, José Barcala, e por Carlos Ballesta, responsable de captación de xogadores no club.

O Dépor Campus está organizado conxuntamente polo Real Club Deportivo e polo Concello de Oroso. Poderán participar nel nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos. O horario programado é de 10 a 14 horas. As clases serán impartidas por técnicos do Deportivo, que utilizarán a mesma metodoloxía técnica que empregan na canteira do club.

O período de inscrición está xa aberto. As fichas de solicitude poden obterse e entregarse no complexo deportivo municipal. O prezo do Campus é de 90 euros, cun desconto de 20 euros para os empadroados no municipio. Esta contía inclúe o seguro de accidentes deportivos, unha equipación composta por camiseta, pantalón e medias, o almorzo, agasallos, o diploma e a asistencia a un partido do Deportivo no estadio de Riazor.

Contribúe á conciliación da vida familiar e laboral
O alcalde, Manuel Mirás, amosouse satisfeito pola chegada desta iniciativa a Oroso, destacou o prestixio internacional do club e incidiu na importancia de apostar pola canteira: “é moi positivo organizar estes Campus e volver captar xogadores de aquí porque eses son os que crean afección”. O rexedor destaca o esforzo que fai o Concello na programación deportiva e expuxo que o goberno local continúa traballando intensamente para facer realidade canto antes o proxecto de novo campo de fútbol de céspede artificial, que se ubicará na parroquia de Oroso.

Neste sentido, o concelleiro de Deportes, Luís Rey, fixo fincapé na “expansión dos deportes” que se vive no municipio. Afirmou que o Dépor Campus era “unha materia pendente que nace coa vontade de darlles tamén ás familias unha solución ás súas dificultades de conciliación da vida laboral e familiar” durante as vacacións escolares do inverno. O responsble municipal de Deportes animou ás familias a aproveitar esta oportunidade formativa.

Educación integral
José Barcala manifestou que o Dépor Campus está concebido “para facer do fútbol un vehículo para a educación integral dos máis novos”. O director de Metodoloxía e Planificación do Deportivo mencionou os valores do respecto, a solidariedade, a amizade, o xogo limpo, a integración, o esforzo e a felicidade como claves no desenvolvemento do campus e puxo de manifesto que “queremos formar futbolistas independentes, con capacidade de control sobre o seu propio corpo e con dominio sobre o balón, e capaces de resolver problemas de por si”.
Para iso, o Dépor Campus ofrecerá as súas ensinanzas sobre os desafíos técnicos, os xogos de relación co balón, as situacións básicas de aprendizaxe de fútbol, rondos básicos e posicionais, xogos de posición e partidos reducidos.

Carlos Ballesta, pola súa parte, asegurou que o Deportivo afronta este campus “con moita ilusión” porque “consideramos Oroso como un municipio deportivista, queremos facer deportivismo e sobre todo que os nenos e nenas participantes melloren nas súas capacidades deportivas”. Ademais, garantiu que o Dépor Campus contará coa mellor atención, tanto en medios como co persoal cualificado e con experiencia que se encarga da actividade.